Viaxe a Ribeira Sacra e a Adega Ponte da Boga

UNHA DELEGACIÓN DE POLÍTICOS, EMPRESARIOS E XORNALISTAS DO BARBANZA VISITOU A RIBEIRA SACRA 

// Foron recibidos en Monforte pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o secretario xeral de Montes e Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixen Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez// A excursión foi organizada polo Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia// Visitaron o Centro do Viño, as bancadas da Viticultura Heroica e a adega Ponte da Boga e navegaron polo cañón do río Sil


  A Pobra, 17 de xullo de 2012.  O alcalde de Boiro, Juan José Dieste, encabezou a delegación barbanzá que a pasada fin de semana visitou a Ribeira Sacra nunha viaxe organizada polo Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia. Entre os asistentes figuraban o presidente da Asociación de Empresarios Turísticos de Arousa-Norte, Manuel Domingo Rodríguez Fernández; os presidentes das patronais de Boiro, Carlos Rodríguez, de Rianxo, Felipe Ordóñez, e de A Pobra, Manuel Tomé; a presidenta da Asociación Etnográfica O Faiado-2, María Luisa López; o presidente do Club Exxpopress, Suso Souto, e unha vintena de xornalistas de prensa, radio e televisión da comarca do Barbanza, entre outros convidados.

Á súa chegada a Monforte, a comitiva foi recibida pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; o secretario xeral de Montes e Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixen Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e varios membros da Corporación municipal. A recepción tivo lugar na sede do Centro do Viño da Ribeira Sacra e inclueu unha visita guiada polas instalacións e unha degustación de viños da zona.

A comitiva dirixeuse despois a Castro Caldelas para visitar unha das bancadas de viñedos da denominada Viticultura Heroica e as instalacións da adega Ponte da Boga, donde o enólogo e director técnico da mesma, Rubén Pérez, agasallou ós convidados cunha cata comentada. Posteriormente, o secretario xeral de Montes presideu o xantar que tivo lugar na citada adega, xunto ó delegado comercial de Hijos de Rivera, Guillermo Fernández, e o director comercial de Ponte da Boga, Carlos López Otero. No xantar degustáronse conservas da firma pobrense Luis Escurís Batalla, tortillas, pulpo da ría de Arousa, empanadas e rosquillas. Todo elo regado, por suposto, con viños e licores de Ponte da Boga. Pola tarde, os participantes na excursión tiveron ocasión de navegar durante dúas horas nun catamarán polo cañón do río Sil.

A viaxe enmárcase nun ambicioso proxecto do Club Exxpopress para acadar a medio prazo un irmanamento entre as comarcas da Ribeira Sacra e Arousa-Norte que, máis alá do seu carácter institucional, poida propiciar acordos de colaboración comercial, turística e cultural.

Neste senso, o secretario xeral de Montes amosou a súa convicción de que este obxectivo se acadará máis pronto que tarde e o seu desexo de que nos vindeiros meses sexa unha delegación da Ribeira Sacra a que visite a comarca de Arousa-Norte.





No hay comentarios:

Publicar un comentario