Clausura da Exposición “Crónica da Monarquía española no século XX"



O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA CLAUSUROU EN A POBRA A EXPO “CRÓNICA DA MONARQUÍA ESPAÑOLA NO SÉCULO XX”


Valentín García presideu unha reunión extraordinaria da directiva do Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia, na que foi informado das actividades e proxectos da entidade  
// Os empresarios Arturo Fajardo Piñeiro (Chicolino Restauración), Luis Escurís Pérez (Conservas Luis Escurís Batalla) e Carlos López Otero (Adega Ponte da Boga) recibiron o recoñecemento do Club pola súa participación na I Cea Enolóxica Club Exxpopress.


 

A Pobra, 16 de xullo de 2012. O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, reuniuse cos membros da directiva do Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia, co fin de coñecer de primeira man os proxectos que está a desenvolver esta entidade coa finalidade de promocionar e dinamizar os ámbitos do turismo, a cultura e a empresa en Galicia. Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias da Casa da Cultura e da Xuventude Raquel Fernández Soler, participaron, canda o secretario xeral, o presidente do Club, Suso Souto, e mais o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac V. Maceiras, así como outros membros integrantes da directiva.

Previamente á reunión, Valentín García participou na clausura da exposición Crónica da monarquía española no século XX, que reúne unha mostra de xornais históricos pertencente aos fondos do Club Exxpopress, e en cuxa organización colaborou a Xunta de Galicia.

Xornais de diversas cabeceiras conforman Crónica da monarquía española no século XX, que formula unha viaxe no tempo polos momentos históricos que marcaron o rumbo da monarquía en España: dende a coroación do Rei Afonso XIII en 1902 ata a morte de Don Xoán de Borbón en 1993 pasando pola proclamación da segunda república, a guerra civil, a ditadura, a transición á democracia, a tentativa de golpe de Estado do 23F etc.

A exposición leva percorridas desde a súa inauguración no mes de maio as cidades de Nova Jersey (EUA), Barcelona e Santiago de Compostela, así como as localidades da Estrada, Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo.

ENTREGA DE DIPLOMAS POLA PRIMEIRA CEA ENOLÓXICA

Finalizada a reunión, o presidente do Club, Suso Souto, fixo entrega de cadanseu diploma conmemorativo ós empresarios Arturo Fajardo (Chicolino Restauración), Luis Escurís Pérez (Conservas Luis Escurís Batalla) e Carlos López Otero (Adega Ponte da Boga) en agradecemento pola súa colaboración na I Cea Enolóxica Club Exxpopress, celebrada o pasado mes de abril.


No hay comentarios:

Publicar un comentario